Carlos L. Bernárdez realiza un análisis de la exposición «Atelier Armenteira» que, por su interés, reproducimos a continuación:
ATELIER ARMENTEIRA. UNHA OLLADA Á OBRA DE LEOPOLDO NÓVOA
Título: Atelier Armenteira
Artista: Leopoldo Nóvoa
Comisaria: Rosario Sarmiento
Local: Centro Cultural «Marcos Valcárcel», Deputación de Ourense
Aos cinco anos do pasamento do pintor Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 17 de decembro de 1919- París, 23 de febreiro de 2012), o Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación Provincial de Ourense presenta até o 16 de abril Atelier Armenteira unha mostra que consta de dezanove obras entre pintura e arte gráfica, creadas entre os anos 1993 e 2012 no obradoiro do artista en Armenteira, de aí o nome da exposición.
A escolma, realizada pola comisaria Rosario Sarmiento, recolle obras moi significativas, e en bastante exemplos de grande formato, que permiten tamén a observación dos matices da evolución estilística da última etapa do pintor por medio de traballos de excelente calidade.
O desenvolvemento da obra de Leopoldo Nóvoa á luz das obras dos seus derradeiros anos manifesta a enorme coherencia que tivo o seu traballo, e non deixa de testemuñar a profunda unidade conceptual que o conxunto da súa obra posuía; ao tempo, permite percibir como foron agromando as sutís variacións ás que o pintor someteu cada unha dos seus variados traballos, o que conformou unha das maiores virtudes da súa pintura. Nesta obra última está presente a tridimensionalidade, patente na súa obra desde os anos setenta, cando o pintor se apropiara dela, meditando sobre o espazo desde unha abstracción purísima en que a cor e a luz adquirían unha potencia envolvente. Se en principio a súa obra desta altura podía facer pensar artistas como Lucio Fontana, o singular tratamento cromático e lumínico do galego singulariza axiña o seu estilo, en que progresivamente a rugosidade foi gañando terreo.
Nas obras que agora podemos contemplar na sala da Deputación de Ourense, como, en xeral, nas que realizou a partir de mediados dos setenta e durante os oitenta, o matérico ten un peso substancial, sen que iso supoña unha renuncia a esa preocupación pola tridimensionalidade e a luz. A sensación que producen estas obras é a dunha vontade de acoutamento e definición do espazo, elaborado en sutís contrapostos e en ocasión facendo que toda a tensión se asente arredor dun punto de particular intensidade. Do mesmo xeito a reflexión sobre as formas abertas e pechadas, os equilibrios e pesos teñen un peso substancial en moitas das obras en que se amosa o xogo de forzas e tensións como auténticos definidores de realidade espacial, adquirindo toda a relevancia nas obras.
Non faltan no conxunto de pinturas expostas exemplos de obra intensamente matérica e máis próxima á súa concepción do mural, lémbrese que Nóvoa realizou algúns murais de enorme carga monumental e calidade como o do Estadio del Cerro, realizado no Uruguai entre 1961 e 1963 onde utilizou materiais de refugallo – morteiros, raís de tranvía, escouras e chatarras de fundición- para expresar a súa visión intensamente caótica. Outro exemplo nesta liña é o da coruñesa Canteira de Santa Margarida realizado, aínda que non totalmente concluído, en 1989.
FORZAS EN TENSIÓN
Enxergadas nunha visión de conxunto, as obras escolmadas para Atelier Armenteira sitúannos perante realizacións plenas que nos reencontran co Nóvoa máis puro. Leopoldo Nóvoa sempre traballou as superficies con fruición material, mais ao tempo cunha actitude de pureza ascética semellante a algúns dos grandes cultivadores da natureza morta como Sánchez Cotán ou Lubin Baugin, no século XVII; ou Giorgio Morandi no XX; a semellanza non estaría no tema senón na actitude, no ascetismo e no respecto pola economía material e a sólida esencialidade formal.
Particular suxestión é a que nos fornece o uso que fai o noso pintor das cordas, arames e fíos, utilizados na delimitación espacial, como referentes da tensión, das forzas vivas, para os que chegou mesmo a crear unha particular linguaxe ao intitulalos «mecates», usando unha voz da lingua nahua mexicana, en que esta palabra significa corda. Este singular uso da corda foi destacado polo grande escritor Julio Cortázar, que nun texto sobre o pintor pontevedrés presentábanolo como un «buscador de terras incógnitas», co misterio dese nó que abre o paquete descoñecido que é a vida.
O informalismo matérico de Nóvoa máis que símbolos o que representa son signos, signos de vida e de existencia. Os trazos e as pegadas estampados na superficie negan á materia toda a amplitude do espazo, reforzando a sensación de territorio limitado. Mais estamos perante unha pintura viva, ás veces mesmo lañada polas feridas do mundo, mais pintura sempre para gorentar. Ao tempo, tamén é unha pintura que non permite nunca deixar de pensar, ben pola contra, favorece a reflexión. Emoción e razón sabiamente dosificadas, velaí a capacidade de comunicación que o conxunto da obra plástica de Leopoldo Nóvoa nos ofrece.
Carlos L. Bernárdez
© Leopoldo Nóvoa | Aviso Legal | Política de cookies