A exposición ‘Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns’ inaugúrase na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia hoxe xoves 19 de febreiro ás 20.00h.e permanecerá aberta ata o mes de xuño todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h
‘Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns’ é unha exposición dedicada á obra deste artista falecido hai tres anos en París e un dos representantes máis destacados da arte máis actual en Galicia. A exposición que acolle o Auditorio de Galicia achéganos a unha parte da extensa produción dun creador que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes que constitúen o seu mundo creativo e expresivo.
A relevancia desta mostra vén de ver como este autor articula e pon en valor, ao longo da súa traxectoria, soportes como o gravado nas súas diferentes técnicas. Así, a liña de traballo que propón a comisaria, Mercedes Rozas, pasa por traer á sala de exposicións máis de cincuenta obras en papel e cartón (probas de autor, gravados, pochoirs, técnicas mixtas sobre papel etc..) moitas delas inéditas. A cita complétase con poemas de Catherine Topall, escritos para o libro Temps de soufre ilustrado polo propio Leopoldo. De igual xeito, un poema do propio artista, escrito a modo de despedida e atopado recentemente por Susana Carlson nun libro en Armenteira, inicia o percorrido expositivo.
© Leopoldo Nóvoa | Aviso Legal | Política de cookies